Step by step

Step by step

Rafael Ojea

Pentax Q + Pentax 08 wide zoom (equivalente a un zoom 21-32 mm en formato 35mm)

Esta foto montaxe é a demostración práctica do conveniente de sair á rúa sempre cunha cámara enriba. Tocaba sair a pasear á cadela nunha desas tardes viguesas de agosto nas que o mesmo sae o sol que comeza a chover a cairos sen a penas nos decatar. Optei, visto o visto, por facer un percorrido máis urbano para transitar por onde, de ser o caso, houbese portais a man para nos refuxiar Lola e mais eu. Efectivamente, cando iamos por unha concorrida rúa do Príncipe comezou a chover dese xeito que cando crés que amaina e saes do teu refuxio, seguindo estrictamente o principio de Murphy comezan de novo a cair pingóns que nin as sacudidas de Lola dan para enxugarse.

Saquei a pequenísima Pentax Q do bolso, armada co Pentax 08 wide zoom, un ultra gran angular, e púxenme --contando coa pródiga paciencia da cadela, afeita a esperar deitada a que o seu amo e irmán, exerza a súa afición- a fotografar, sen moito entusiasmo, escenas moi abertas da rúa que quedaba fronte ao portal no que nos abrigabamos.

Nun momento da espera, aburrido de tomas sen gracia ningunha dunha fronte de escaparates e persoas circulando, decateime dunha tapa de sumidoiro, xusto diante nosa, a menos máis ou menos un metro da miña cámara. Unha tapa que, encadrada en esa prefoto que se debe un imaxinar sempre na súa cabeza antes do disparo, cobraba vida cos pés e pernas que pasaban pegadiñas á fachada para evitaren a chuvia.

Encadrei co máximo angular, coa cámara á altura da cintura e a un escaso metro do motivo e comecei a disparar cada vez que pasaba unha persoa.

Mirando na pantalla LCD o resultado, imaxinei unha posibilidade, primeiro, de serie de fotografías e, deseguido, da dun collage. Puxen unha velocidade relativamente baixa para lograr un certo efecto de movemento que respondera ao propio de dar un paso e pasei máis de media hora documentando pes de homes, pes de mulleres, pisando a tapa ou moi perto dela.

Coma estas en concreto --que finalmente non seleccionei-:

Elixin na configuración da cámara un formato máis cadrado (que logo recortei na edición para poder axustar todas as fotos a un encadre e tamaño semellante) porque se adaptaría mellor a unha posible montaxe posterior de varias tomas.

Estes son os datos exif dunha ds tomas (no resto serían moi parecidas)

Unha vez na casa, motivado polo resultado que pensaba que podería lograr nunha montaxe de varias, procesei no ordenador (con Adobe Cámara Raw -ACR- e con Photoshop -PS-) unha selección de 22 fotos. Un procesado moi elemental: recorte para igoalar tamaños, retoque da exposición, niveis, curvas e máscara de enfoque.

Había que tomar algunhas decisións para facer o collage desexado:

Primeiro: sería imposible meter as 22 fotos nunha montaxe visible e comprensible. Optei por facer dúas tiras paralelas de 5 fotogramas cada unha. Debía seleccionar, pois, 10 fotos, o que me levou a unha segunda decisión: serían só pernas e pés de mulleres, para dar unha unidade temática (e mesmo conceptual) ao conxunto unha vez montado.

Terceira decisión: ¿que orde dar á secuencia?... despois dalgunhas dúbidas, pensei que a montaxe debía ter unha lectura e un movimento de esquerda a dereita, de avance na ollada dos fotogramas, a modo de lectura dun texto ou dunha pequena secuencia de película. A solución apareceu por si soa: unhas pernas irían de ida e outras de volta: se as fotos de enriba ían de esquerda a dereita, as de embaixo deberían ir de dereita a esquerda. Isto posibilitaría un movemento circular na percepción da montaxe que acentuaría o propio movemento que se reflexaba na toma --ao disparar a unha velocidade de obturación relativamente baixa- nunha das pernas que, no paso natural, quedaba no aire.

Para facer a montaxe creei en PS un arquivo novo coas dimensións resultantes de multiplicar por cinco o largo e por dous o longo de cada foto. Fun pegando cada foto, xa igoalada en tamaño, coa disposición que veño de explicar, evitando que fosen a sangue deixando un pequeno marxe en negro (houbo que facer antes probas en branco, en gris... para ver como quedaba así) entre cada unha. Finalmente, para darlle un límite para a súa visualización nun fondo negro, púxenlle un pequeno marco dunha fina liña nun gris escuro, case imperceptible, rodeando ao conxunto.

O resultado satisfaceume e servúme para pensar na maneira de enforntarse ao feito persoal de fotografar: si, me dixen, hai que saír coa cámara, imaxinar, anticiparse, esperar, crear o momento, pensar en tomas atípicas, ter paciencia, querer dicir algo coa imaxe... e para isto, vale calquera cámara: a pequena pero versátil Pentax Q cun pequeno sensor CMOS de 1/2.3" de 12 MP... ou un smartphone, por que non?

Pero iso de querer dicir algo queda á interpretación do espectador ou espectadora...

Aquí tendes a foto en Flickr, para quen teña curiosidade por vé-lo resultado a máis resolución.

Ah!! esquecíame... esta é Lola, tamén retratada, cos seus 15 anos a piques de cumprirse, coa Pentax Q

E esta outra, hai tres anos, tamén coa Q e o 08 wide zoom:

E esta é a pequena cámara Pentax Q, nunha preciosa fotografía © do meu amigo e magnífico fotógrafo Diego de Coo:




Report Page