Pandereteiras cenital

Pandereteiras cenital

Rafael Ojea

As rúas baixo a miña casa estaban de mañá de domingo ateigadas de grupos de pandereteiras, ataviadas cos seus mellores traxes; celebrábase nun teatro próximo o Concurso de Canto e Percusión Taspés e as agrupacións ensaiaban distribuídas por distintos currunchos das rúas adxacentes.

Cos ollos aínda entornados do plácido soño dominical, saín ao balcón e corrín a coller a Pentax K1 empuñándolle a focal que, en principio, pensei máis axeitada á distancia entre a cámara e os motivos: o magnífico Pentax FA 77mm F1,8 limited.

O día era soleado, á altura das 11 da mañá, producindo moito contraste e un rango dinámico que, aínda que dificultaba a exposición, daba a oportunidade de xogar coas duras sombras proxectadas sobre o pavimento. Así fixen varias fotos en oblícuo, con sombras proxectadas, que non acababan de convencerme.

Daquela, un grupo ben "uniformado" colocouse en formación "de combate" para ensaiar xusto na cenital do meu balcón... á sombra!. Coa mesma focal --que quedaba un pouco curta para aillar o grupo do contorno (unha parte do encadre quedaba a pleno sol)- apurei o momento e tomei algunhas decisións que, visto o resultado, foron importantes. O movemento rápido e violento das mans e os dedos contra as pandeiretas e o lene movemento das saias tiñan que reflexarse dalgunha maneira; e optei por usar a mínima velocidade de obturación posible, esperando que o movemento se conxelase nunhas zonas e que as de maior brío saísen movidas. Non había posibilidade de trípode e fixei firmemente os cóbados na parte superior da balaustrada do meu balcón confiando en que o eficaz estabilizador da K1 traballara a favor da miña intención e en contra do meu pulso.

Comprobei na pantalla e... acerto! os panos das cabezas saían con nitidez abonda e a imaxe das mans e as pandereitas e saias evocaban, co difuminado provocado pola obturación lenta, o movemento!

Agora tocaba tomar outras decisións no procesado do RAW. Uso ACR e Photoshop.

Primeiro, compría facer un recorte para eliminar do encadre todo o que non foran figuras e, especialmente, unha zona do pavimento que entraba con sol (e zonas queimadas): a formación en semicírculo apuntoume rapidamente a un formato cadrado e optei por el.

Cun lixeirísimo toque á exposición, niveis e curvas en ACR, abrín en Phososhop. A primeira impresión é que o pavimento (de lousas de pedra) competían excesivamente e sacábanlle forza ao grupo. Había que atreverse a unha solución radical: eliminar o solo (e unha funda de pandeireta que andaba polo medio do encadre) e deixar só as figuras. A tal fin realicei unha selección coidadosa do grupo de pandereteiras e das súa directora, mediante a ferramenta "lazo" de PS. Para evitar unha transición brusca, seleccionei "desvanecer" 10 píxeles, o que permitiría unha transición máis delicada entre o bordo das figuras e o pavimento. Fixen unha selección inversa e subexpusen a porción resultante ata case negro. Alehop! gustoume o resultado: as figuras destacaban con forza sobre ese fondo moi escuro e relacionábanse con el cun lixeirísimo halo que enfatizaba dun xeito moi agradable e "máxico" as zonas movidas das figuras.

Outra decisión de procesado foi a orientación da imaxe; a toma orixinal era en U cortada, pero despois de probar distintas opcións, optei por virala como C, de maneira que se aportase unha lectura abstracta, nunha "tipografía" singular.

Rematei o procesado dándolle enfoque (só á zona seleccionada de figuras) co plugin de Nik cllection Sharpener Pro.

Gardei a foto tanto en formato PS (por se decidía facer algún cambio posterior) e en JPG optimizado para Web, para compartila en Flickr e outras redes sociais.

Aquí tendes a toma como quedaría sen eliminar o pavimento.

Para rematar, un video co son dunha agrupación de pandereteiras que participou nun dos concursos anuais de Traspés:

https://www.youtube.com/watch?v=46VJ121JuvE


Report Page