MANIFESTO DE APOIO A "LA INSURGENCIA"

MANIFESTO DE APOIO A "LA INSURGENCIA"

Grupo Apoio a "La Insurgencia" -Vigo

Quérennos caladas. Quérennos con medo. Coa súa represión queren amosar que erguer a voz está penalizado. Por iso, a denuncia das inxustizas deste sistema, a contestación social e a protesta son perseguidas e criminalizadas. O colectivo musical de rap “La Insurgencia” e a súa xente coñecen isto; sobre todo, padéceno.

O 4 de decembro de 2017, a Audiencia Nacional ditou sentenza condenatoria -coa pena máxima pedida pola Fiscalía- tras un proceso iniciado hai algo máis dun ano: 12 integrantes do colectivo musical “La Insurgencia” foron condenados, pola suposta comisión dun delito de enaltecemento do terrorismo, cada un, a 2 anos e un día de cadea, 4800 € de multa e 8 anos e un día de inhabilitación para exercer cargo público. Todo isto, exclusivamente, polos seus temas de rap.

Doce artistas dun colectivo musical entre os que se atopan unha nai, un pai, traballadores, estudantes... Doce artistas que, se o Tribunal Supremo non o evita, entrarán no cárcere por rapear sobre os despexos, a precariedade laboral, as torturas e abusos policiais, as drogas nos barrios, as loitas veciñais e folgas obreiras, o imperialismo, os presos políticos...

Alén dunha durísima condena a “La Insurgencia”, estamos fronte a un novo avance represivo que o Estado Español emprega para recortar, aínda máis, os dereitos e liberdades de todas. Os xuizos por enaltecemento multiplicáronse por cinco nos últimos anos, a pesares de non haber organizacións armadas activas. Xa rondan o centenar as condenas da Audiencia Nacional por este delito nos últimos tempos. A isto hai que sumar os incontables casos de sancións económicas por aplicación da lei de seguridade cidadá (coñecida como “lei mordaza”). A liberdade de expresión e o dereito á creación artística están a ser sancionados para quen saia do rego, para quen discrepe, para quen denuncie: rapeiros como Valtonyc ou Pablo Hásel, tuiteiros como Alfredo Remírez (xa en prisión), Cassandra Vera ou César Strawberry son só algúns exemplos.

As letras destes rapeiros poden ser subversivas e provocadoras, pero, en ningún caso, supoñen un risco para ninguén, nin sequera “abstracto ou indirecto”, como se expresa na sentenza. A nós o que nos causa terror son os “perigos concretos e reais” que “La Insurgencia” denuncia nas súas cancións, e que este sistema nos fai padecer acotío: paro, despexos, recortes sanitarios, cortes de luz, precariedade...

Fronte á súa represión, terannos xuntas e organizadas. Alentemos a solidariedade, fagamos medrar o apoio mutuo como resposta á súa violencia! Por iso, animamos a persoas, colectivos e artistas solidarias a adherirse a este manifesto, a colaborar connosco e a crear máis grupos de apoio nas distintas localidades, para que neste 2018, nin “La Insurgencia”, nin ninguén, entre na cadea por expresar opinións.

Reclamamos a absolución de “La Insurgencia” e do resto de procesados en todo o estado por exercer a liberdade de expresión e de creación artística, así como a inmediata derrogación das leis represivas.

Sen liberdade de expresión non hai democracia!

Absolución “La Insurgencia”!


Correo-e: colectivoabsolucioninsurgencia@gmail.com

Telegram: @ApoioInsurgenciaVigo

Twitter: @VigoInsurgencia

Report Page